XVII Andainatudense Solidaria 2020

O sábado 11 de xullo realizaremos a XVII Andainatudense Solidaria 2020, cita inescusable para subir e desfrutar da nosa montaña máxica, o monte Aloia.

Este ano sairemos desde a Catedral de Tui e finalizaremos no paseo da Corredoira.

Lembrar que a solidaridade será a favor de SOS Tomiño Baixo Miño, motivo polo que solicitamos que no momento da recollida do dorsal se entregue un quilo, ou máis, de alimentos non perecedoiros.

Arriba, no menú desta páxina, podes atopar toda a información desta nova edición da Andainatudense Solidaria, así como o formulario de inscrición e o listado de participantes.

Por último, animarte a que veñas connosco a coñecer un pouco máis este fermosísimo Parque Natural do Monte Aloia.

A muralla ciclópea do monte Aloia

O domingo 2 de febreiro realizaremos unha ruta/visita guiada pola muralla ciclópea do monte Aloia.

Esta visita comezarémola na capela de san Xiao do monte Aloia ás 10:30 horas, será gratuita e só hai que presentarse no lugar e hora indicada.

A visita será guiada e comentada polo arqueólogo tudense Juanjo Perles, da empresa de arqueoloxía Anta de Moura, que nos falará dos datos históricos que se teñen ata o momento da muralla ciclópea do monte Aloia, o maior asentamento fortificado de Galicia.

Esta ruta/visita, de algo máis de dous quilómetros e unha duración aproximada de unha hora e media, percorrerémola ao carón dos restos da antiga muralla ciclópea visitando tamén os miradoiros do Celta, o do Castelo, o do enxeñeiro Areses e o da Oliva, todos eles cunhas vistas panorámicas espectaculares.

Achegamos a continuación algúns datos recollidos sobre a muralla do arquitecto e historiador Jaime Garrido Rodríguez:

                 No cumio do monte Aloia quedan restos á vista das murallas dunha antiga fortificación. O trazado da muralla de pedra pode ser percorrido en todo o seu perímetro (algo máis de 3 km). A fortificación componse de dous recintos: o superior, de maiores dimensións e outro, pegado a este polo norte, que ocupa unhas cotas inferiores. No seu conxunto, o recinto defensivo abrangue unhas 30 hectáreas de superficie. A muralla foi construída con grandes bloques de granito en seco, que lle dan un aspecto case ciclópeo. Por termo medio presenta unha anchura comprendida entre os 2,50 e os 3,50 metros, chegando a alcanzar os 3 metros de altura no treito mellor conservado.
                Algúns estudosos chegaron a identificar esta fortaleza do Aloia co monte Medulio, citado polos historiadores romanos como o último reducto onde se defenderon os pobos do noroeste hispánico das tropas romanas, pero esta identificación carece de fundamento.

Tamén podedes descargar o seguinte artigo de Mario Fernández Pereiro, doutor en Arqueoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, titulado «O recinto fortificado do monte Aloia. Un xigante altomedieval esquecido»

VIII Camiñada Solidaria 2019

“ A proba do noso progreso non é se nos unimos á abundancia de quen ten máis. É se damos o suficiente a aqueles que teñen pouco”  

Franklin D. Roosevelt

O próximo domingo 22 de decembro levaremos a cabo a VIII Camiñada solidaria 2019.

Sairemos desde o palco da música, na Corredoira de Tui, ás 10:00 horas para percorrer distintas rúas e prazas do casco antigo de Tui, baixaremos o paseo fluvial para despois cruzar a Ponte Internacional e achegarnos ata o interior da muralla de Valença do Minho, desde onde regresaremos de novo a Tui.

Esta Camiñada solidaria, duns 9 quilómetros de distancia, é de carácter moderada e apta para tódalas persoas.

IMPORTANTE, para participar só é preciso aparecer no lugar e hora indicada cun quilo, ou máis, de alimentos non perecedoiros, alimentos que doaremos a SOS Tomiño Baixo Miño.

       

              SOLIDARÍZATE !!!

Ola! Moitas grazas por visitarnos. Avisámosche que usamos cookies para mellorar a navegación, polo que entendemos que se continuas é porque estás de acordo. A continuación podes consultar a nosa política de cookiesACEPTAR

Aviso de cookies