VI Ruta histórica de Tui

O sábado 8 de agosto o club Andatui realizará a VI Ruta histórica de Tui guiada por un historiador tudense.

Esta andaina, onde recorreremos unha distancia aproximada de 4 quilómetros, ten un carácter principalmente cultural e histórico xa que coñeceremos distintos aspectos da historia tudense, centrándonos este ano na antiga muralla de Tui. Remataremos a ruta na Alameda de san Domingos para degustar unha queimada do mestre Gabi e unha chocolatada para os máis cativos, finalizando cun sorteo de diversos agasallos.

O punto de partida será desde a praza da Inmaculada de Tui ás 21:00 horas.

IMPORTANTE: dada a situación sanitaria actual este evento estará limitado a 40 persoas.

O prezo para poder participar é de 6 euros por persoa, 4 euros para os de 14 anos ou menos, polo que debes facer unha transferencia ou ingreso, facendo constar nome e apelidos do participante ou participantes, na seguinte conta bancaria:

Banco Sabadell:  ES85 0081 2276 4700 0113 6717

Cerraremos as inscricións o xoves 6 de agosto ou cando se esgoten as prazas. En caso dalgunha dúbida podes chamar ao teléfono  607 785 601 (Tato)

INSCRICIÓNS FINALIZADAS. PRAZAS ESGOTADAS

XVII Andainatudense Solidaria 2020

O sábado 11 de xullo realizaremos a XVII Andainatudense Solidaria 2020, cita inescusable para subir e desfrutar da nosa montaña máxica, o monte Aloia.

Este ano sairemos desde a Catedral de Tui e finalizaremos no paseo da Corredoira.

Lembrar que a solidaridade será a favor de SOS Tomiño Baixo Miño, motivo polo que solicitamos que no momento da recollida do dorsal se entregue un quilo, ou máis, de alimentos non perecedoiros.

Arriba, no menú desta páxina, podes atopar toda a información desta nova edición da Andainatudense Solidaria, así como o formulario de inscrición e o listado de participantes.

Por último, animarte a que veñas connosco a coñecer un pouco máis este fermosísimo Parque Natural do Monte Aloia.

A muralla ciclópea do monte Aloia

O domingo 2 de febreiro realizaremos unha ruta/visita guiada pola muralla ciclópea do monte Aloia.

Esta visita comezarémola na capela de san Xiao do monte Aloia ás 10:30 horas, será gratuita e só hai que presentarse no lugar e hora indicada.

A visita será guiada e comentada polo arqueólogo tudense Juanjo Perles, da empresa de arqueoloxía Anta de Moura, que nos falará dos datos históricos que se teñen ata o momento da muralla ciclópea do monte Aloia, o maior asentamento fortificado de Galicia.

Esta ruta/visita, de algo máis de dous quilómetros e unha duración aproximada de unha hora e media, percorrerémola ao carón dos restos da antiga muralla ciclópea visitando tamén os miradoiros do Celta, o do Castelo, o do enxeñeiro Areses e o da Oliva, todos eles cunhas vistas panorámicas espectaculares.

Achegamos a continuación algúns datos recollidos sobre a muralla do arquitecto e historiador Jaime Garrido Rodríguez:

                 No cumio do monte Aloia quedan restos á vista das murallas dunha antiga fortificación. O trazado da muralla de pedra pode ser percorrido en todo o seu perímetro (algo máis de 3 km). A fortificación componse de dous recintos: o superior, de maiores dimensións e outro, pegado a este polo norte, que ocupa unhas cotas inferiores. No seu conxunto, o recinto defensivo abrangue unhas 30 hectáreas de superficie. A muralla foi construída con grandes bloques de granito en seco, que lle dan un aspecto case ciclópeo. Por termo medio presenta unha anchura comprendida entre os 2,50 e os 3,50 metros, chegando a alcanzar os 3 metros de altura no treito mellor conservado.
                Algúns estudosos chegaron a identificar esta fortaleza do Aloia co monte Medulio, citado polos historiadores romanos como o último reducto onde se defenderon os pobos do noroeste hispánico das tropas romanas, pero esta identificación carece de fundamento.

Tamén podedes descargar o seguinte artigo de Mario Fernández Pereiro, doutor en Arqueoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, titulado «O recinto fortificado do monte Aloia. Un xigante altomedieval esquecido»

Ola! Moitas grazas por visitarnos. Avisámosche que usamos cookies para mellorar a navegación, polo que entendemos que se continuas é porque estás de acordo. A continuación podes consultar a nosa política de cookiesACEPTAR

Aviso de cookies