O Castro Laboreiro da transhumancia

O sábado 21 de marzo volveremos ao Parque Nacional Peneda – Gerês, nesta ocasíon a Castro Laboreiro para facer o trilho Castrejo, unha ruta entre brandas e inverneiras.

“Em Castro Laboreiro, todo o proprietário, por muito diminuto que seja o seu património, tem, como qualquer lord inglês, duas habitações – uma de verão e outra de inverno». Isto escribia Alfredo Campos, escritor, sobre o modo de vida transhumante dos pastores na segunda metade do século XIX.

A transhumancia en Castro Laboreiro implicaba que os pastores habitaran a maior parte do ano nas brandas, situadas nas partes altas da montaña, e nas épocas máis duras baixaran a vivir nas inverneiras, situadas na parte baixa e máis resgardadas do frío e da neve. 

Esta ruta, duns 20 quilómetros, comezarémola en Castro Laboreiro visitando os restos do Castelo – Fortaleza, situado a 1.033 m de altura. Tras esta visita iremos ver os muíños do río Laboreiro, para despois coller camiño as brandas do Pradosouro e a da Seara, e as inverneiras de Varziela, Cainheiras, Assureira e Barreiro. Tamén visitaremos a capela da senhora de Anamão, ao carón da Pena de Anamão (lugar onde se agochaba o famoso bandoleiro Tomás das Quingostas) . Cruzaremos por varias pontes medievais como as de Varziela, Cava da Velha ou a da Assureira. Baixaremos polo Bico do Patelo (formación pétrea onde poderemos «imaxinar a un pato ou a unha aguia» divisando o val) e, xa no tramo final, subiremos pola carballeira de Barreiro e pola lagoa de Gontamil para rematar en Castro Laboreiro onde veremos a igrexa de santa María da Visitação e o Pelourinho.

Nas reportaxes Inverneiras e Brandas, Mudança na Paisagem e Paisagem de Castro Laboreiro podedes coñecer un pouco máis como era a vida dos pastores transhumantes de Castro Laboreiro.

(Si clicades nas palabras en cor verde podedes ver vídeos e información diversa)

 

Datos a ter en conta:

  • Sairemos en bus desde a rúa Ourense de Tui, ao carón do aparcamento da Área Panorámica, ás 07:00 horas e regresaremos sobre ás 20:00 horas.
  • Cada participante terá que levar comida e bebida, xa que xantaremos en plena ruta.
  • É preciso facer inscrición, máximo 40 prazas.
  • Prezo: 10€  a ingresar no Banco Sabadell:  ES85 0081 2276 4700 0113 6717

MOI IMPORTANTE: o número máximo de prazas é de 40, polo que no momento que ocupemos tódalas prazas cerraremos a inscrición.

Non inscribiremos a ninguén si non recibimos no noso email clubandatui@gmail.com o xustificante de pago xunto co nome e apelidos do participante ou participantes.

En caso dalgunha dúbida podes chamar o seguinte número de teléfono: 607 785 601 (Tato).

INSCRICIÓN FINALIZADA. PRAZAS ESGOTADAS

A muralla ciclópea do monte Aloia

O domingo 2 de febreiro realizaremos unha ruta/visita guiada pola muralla ciclópea do monte Aloia.

Esta visita comezarémola na capela de san Xiao do monte Aloia ás 10:30 horas, será gratuita e só hai que presentarse no lugar e hora indicada.

A visita será guiada e comentada polo arqueólogo tudense Juanjo Perles, da empresa de arqueoloxía Anta de Moura, que nos falará dos datos históricos que se teñen ata o momento da muralla ciclópea do monte Aloia, o maior asentamento fortificado de Galicia.

Esta ruta/visita, de algo máis de dous quilómetros e unha duración aproximada de unha hora e media, percorrerémola ao carón dos restos da antiga muralla ciclópea visitando tamén os miradoiros do Celta, o do Castelo, o do enxeñeiro Areses e o da Oliva, todos eles cunhas vistas panorámicas espectaculares.

Achegamos a continuación algúns datos recollidos sobre a muralla do arquitecto e historiador Jaime Garrido Rodríguez:

                 No cumio do monte Aloia quedan restos á vista das murallas dunha antiga fortificación. O trazado da muralla de pedra pode ser percorrido en todo o seu perímetro (algo máis de 3 km). A fortificación componse de dous recintos: o superior, de maiores dimensións e outro, pegado a este polo norte, que ocupa unhas cotas inferiores. No seu conxunto, o recinto defensivo abrangue unhas 30 hectáreas de superficie. A muralla foi construída con grandes bloques de granito en seco, que lle dan un aspecto case ciclópeo. Por termo medio presenta unha anchura comprendida entre os 2,50 e os 3,50 metros, chegando a alcanzar os 3 metros de altura no treito mellor conservado.
                Algúns estudosos chegaron a identificar esta fortaleza do Aloia co monte Medulio, citado polos historiadores romanos como o último reducto onde se defenderon os pobos do noroeste hispánico das tropas romanas, pero esta identificación carece de fundamento.

Tamén podedes descargar o seguinte artigo de Mario Fernández Pereiro, doutor en Arqueoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, titulado «O recinto fortificado do monte Aloia. Un xigante altomedieval esquecido»

Ola! Moitas grazas por visitarnos. Avisámosche que usamos cookies para mellorar a navegación, polo que entendemos que se continuas é porque estás de acordo. A continuación podes consultar a nosa política de cookiesACEPTAR

Aviso de cookies